Así mesmo, o pobo está a comezar a explotar os seus recursos turísticos, xa que a parroquia do Castro conta con preciosas e tranquilas praias (Carragueiros, A Retorta, Piñeirón e a Ribeira Grande), un patrimonio arqueolóxico no que cabe salientar o Castro do Achadizo, situado no peirao; o Castro da Gurita e os Fornos da Pedra Rubia, onde antigamente se fabricaban tellas. No tocante a arquitectura civil, paga a pena visitar a Torre dos Canónigos, no lugar de Piñeirón, que se cre que foi construída na mesma época que a Torre de Goiáns, entre o século XV e o XVI e que sufriu diferentes remodelacións co devalar do tempo así como a Granxa do Esteiro. Conta tamén con diferentes hórreos entre os que destacaríamos os de Romarís, o da aldea de Arriba e o dos Carreró así como cruceiros tales como o Cruceiro de Cariño, o da Aldea de Arriba ou o de Romarís.
A recente creación do Club Náutico “Marina Cabo da Cruz” da un empurrón máis ao turismo náutico do Cabo e unha exposición permanente de elementos relacionados co mar completan a oferta turística.
En canto ao resto do Concello, moitas son as razóns que ano a ano fan que o turismo se incremente. As súas paraxes naturais, as súas praias, o noso deporte ou patrimonio arqueolóxico son só algúns dos múltiples atractivos da nosa vila. Todos estes son explicados en detalle na páxina de Turismo do Concello de Boiro.